O pasado 23 de outubro, o IES Mendiño, en colaboración coa Asociación Sirio, organizou unha actividade de observación astronómica, dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato do noso centro.
Coa chegada da noite, o patio do noso instituto encheuse de telescopios, en concreto NOVE, que achegaron as persoas socias da Asociación Sirio. Non só nos acompañaron na observación do ceo redondelán, senón que nos explicaron de xeito didáctico os diferentes obxectos (planetas, estrelas), que tivemos a oportunidade de ver.
Moitas das alí presentes era a primeira vez que participaban nunha actividade relacionada coa astronomía e a sensación xeral foi, como dirían as crónicas, un éxito de crítica e público.
A actividade astronómica pechouse, alá polas 11 da noite, cun chocolate con churros, servido por Fon, da Cafetaría do Instituto, que se agradeceu nunha noite de sábado fría e húmida.
A actividade astronómica foi un “éxito de crítica e público”.
A Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra
Malia que gravamos en directo a actividade, recollendo as explicacións das persoas sociais da asociación e as reaccións do público asistente, vendo e escoitando como se sorprendían ao observar Xúpiter ou Saturno, ou iso de ver unha estrela dobre, problemas nos micros fixeron que nada quedara gravado.
Trouxemos até os estudos de RQR, a radio do IES Mendiño, a Manuel Lorenzo, Lolo, membro da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, a encargada de levar a cabo a actividade de astronomía. Aproveitamos para falar con el da Asociación e das súas actividades, da astronomía, en compañía de Óscar Pérez e Iñaki Sánchez, profesores de matemáticas do Mendiño e socios da Asociación Sirio.